Hai dúas formas de diferenciación entre homes e mulleres. Mentres o sexo fai referencia a aquelas características físicas que nos diferencian o xénero vén determinado por aqueles roles e estereotipos que a sociedade adxudica a homes e mulleres. Estes roles están presentes en tódalas culturas e sociedades e teñen unha forte influencia en canto ás relacións de poder desigual entre homes e mulleres, o acceso ós recursos, beneficios e información, toma de decisións e á división do traballo. POBREZA- As mulleres constitúen o 70% dos 1300 millóns de persoas pobres do mundo (Organización Internacional do Traballo) - As posibilidades de que unha muller ao chegar á vellez viva na pobreza son maiores cas dos homes (Organización Internacional do Traballo) - 600 millóns de mulleres son analfabetas, fronte aos menos de 320 millóns de homes. - Na África Subsahariana, menos do 50% das nenas están escolarizadas. (2005) - Segundo o Banco Mundial, as mulleres do mundo desenvolvido gañan 77 centavos por cada dólar que gañan os homes e nos países empobrecidos esa proporción é de 73 a 1 (2005). VIOLENCIA - Cada ano, polo menos 2 millóns de nenas entre 5 e 10 anos son vendidas e compradas como escravas sexuais. - Estímase que cada dúas horas, unha muller é apuñalada, apedrada, estrangulada ou queimada viva. - Durante os conflictos armados o ataque aos dereitos humanos das mulleres (asasinato, violación, escravitude sexual e embarazo forzado) emprégase como arma de guerra. - No mundo, 135 millóns de nenas e mulleres sufriron mutilación xenital. A cifra increméntase en dous millóns cada ano (Amnistía Internacional). - Segundo datos do Banco Mundial, polo menos o 20% das mulleres do mundo teñen sufrido malos tratos físicos ou agresións sexuais. - Segundo o informe da UNFPA (United Nations Population Fund), unha de cada tres mulleres no mundo será apaleada, obrigada a manter relacións sexuais ou vítima de abusos (2005). EDUCACIÓN - Dúas terceiras partes dos 876 millóns de persoas analfabetas do mundo son mulleres (Nación Unidas) - A alfabetización de mulleres novas (entre 15 e 24 anos) é do 60% fronte ao 80% dos homes (Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento, 2003) - As estatísticas indican que ao cumprir os 18 anos as rapazas teñen unha media de 4,4 anos menos de educación que os varóns da mesma idade (Nacións Unidas). - Dos 121 millóns de nenas/os non escolarizadas/os no mundo, 65 millóns son nenas. (UNICEF) - As mulleres teñen menos acceso que os homes á formación continuada nas empresas (Organización Internacional do Traballo). SANIDADE- Cada ano morren máis de medio millón de mulleres como consecuencia do embarazo e o parto (Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento). - En España a idade media para ter descendencia por primeira vez é de 30 anos; nos países con menos recursos un de cada seis partos corresponde a mozas de 15 a 19 anos (Ministerio de Sanidade e Consumo e Organización Mundial da Saúde). - Nos países en vías de desenvolvemento non reciben atención prenatal o 35% das mulleres; case o 50% dá a luz sen asistencia de persoal especializado e o 70 % non recibe atención nas seis semanas posteriores ao parto (Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento, 2003) - No mundo hai máis mulleres que homes infectadas de sida (PNUD 2003). Na África Subsahariana as mulleres representan o 55% das persoas adultas infectadas polo VIH (Fondo da Poboación de Nacións Unidas 2002)
Como sabemos, en moitos casos a voz das mulleres non é escoitada e a súa problemática queda nun segundo plano fronte á dos homes, cos que non nos topamos aínda a día de hoxe en pé de igualdade. É por isto que nos países en vías de desenvolvemento esta desigualdade de poder e de toma de decisións provoca que as mulleres vivan en situacións de risco social e se atopen en clara desventaxa económica, educativa, social e política con respecto ós homes. Por outra banda, saír da situación de empobrecemento é moito máis complexo para as mulleres que para os homes a consecuencia dos roles que a sociedade nos adxudica a uns e a outros. Na cooperación ó desenvolvemento esta desigualdade de poder debe de atallarse formulando proxectos nos que a voz das mulleres sexa a protagonista e nos que ningunha actividade prexudique ás mesmas nos diversos ámbitos. Só co enfoque de xénero nos proxectos de cooperación internacional as sociedades serán conscientes dos dereitos e liberdades dos que deberiamos disfrutar as mulleres nos países do Sur.
A xestión e abastecemento da auga é unha actividade que cae baixo a responsabilidade das mulleres. Un 90% das mulleres africanas son as encargadas de ir a recoller, transportar e xestionar este recurso para a hixiene e alimentación das súas familias, limpeza do fogar e rego da horta (no caso de que a teñan). Moitas veces teñen que percorrer largos traxectos para poder acceder á auga, polo que a viaxe de volta cunha carga de entre 20 e 30 litros de auga non é unha tarefa doada. Os homes, pola contra, non teñen ningún tipo de implicación nesta tarefa. Esta é unha das actividades que os roles de xénero atribúe ás mulleres e nenas.
http://www.unicef.org/spanish/infobycountry/ethiopia_statistics.html
|
| Implicadas/os No Desenvolvemento | www.implicadas.org | info@implicadas.org | 886 111 911 |